Unha das cousas que están aínda pendentes deste verán son as…, moitas horas de gravación que sairon do S8. E que é o S8? Ben…
O Xacobeo 2010 abriu unha nova liña de actuacións baixo o nome de Xacobeo Filme dende a cal aglutinaron a oferta audiovisual galega, participando de proxectos con certa solera como poden ser o Festival de Cans, o OUFF, ou o play-Doc, entre outros. Isto, máis ou menos, coincide no tempo e no espazo cos esforzos de Angel Rueda por levantar un encontro atípico e peculiar en torno ós límites do cinematográfico, con especial atención ós formatos primixenios, de aí o nome do certame, S8, Mostra de Cinema Periférico. O resumen oficioso viría sendo este que figura na ficha do Xacobeo Filme:
Co Super 8 como punto de partida explorarase a periferia do cine, dende as creacións máis vangardistas que se apoian nas novas tecnoloxías ata as técnicas cinematográficas tradicionais. Conceptos como, Cine Performativo, Expanded Cinema, Cine-Ensaio ou Cine Documental abordan dende a periferia un cinema que aposta pola conciliación entre os novos e os vellos modos de realización e produción.
A realidade vai máis aló. O S8 foi unha confluencia arriscada de talentos varios que se presentaban a un público que acudía tamén para recuperar como espazo aberto o antigo cárcere coruñes, sede do certame. O primeiro éxito da mostra foi conseguir que esta xente participara como espectadores unha vez superada a espectación provocada pola apertura do edificio. O segundo, que a vangarda fora capaz de plantexarse sen adoctrinamientos, sabendo chegar a este público casual. O terceiro, colmar a aquelas personas que xa sabían a que acudían, con cheos nas diferentes proxeccións e nas masterclass(es) impartidas.
Como xa digo, é moito o material que queda do S8. Este vídeo non é máis que o da apertura oficial, con Quico Cadaval como mestre de cerimonia, editado ás presas en plenas datas de celebración do certame. Hai outros que foron relizados coa mesma urxencia e que subiremos nas próximas semanas, según vaia finalizando este caluroso verán, e, con algo máis de tempo, recuperaremos o paso dos protagonistas dunha mostra que xa camiña cara á sua segunda edición.
Por certo, a grandiosa imaxe gráfica foi cousa de Abuse, así como o spot promocional coa musa da Mostra, Finita Ruano.
Publicación original: enimaXes